13/11/10

CON UN SEIS E CON UN CATRO APARECE O TEU RETRATO

A continuación tedes unha selección dos vosos mellores retratos. Agora tócavos a vós facer a segunda selección e elixir entre estes os tres mellores.

1. A rapaza que vou describir é unha das miñas mellores amigas e compañeiras de clase. Ten a mesma idade ca min: o trece de abril cumpriu quince anos.
É de estatura media e, coma min, ten o pelo e os ollos castaños. Anteriormente levaba gafas, pero agora prefire as lentillas. É moi simpática; sempre está sorrindo.
Unha das súas afeccións é a ximnasia rítmica que practica dous días á semana e, aínda que non a coñezo tan a fondo, penso que é un pouco testana.

**************************************************************

2. Ten o pelo escuro, recollido case sempre. Os seus ollos son castaños e a cara branca e arredondeada. Ten unha estatura media e a súa constitución é a dunha persoa delgada.
En canto á súa forma de ser, digamos que ten carácter e tamén que é moi amiga dos seus amigos. É responsable e non a asustan as obrigas que lle poñen.

**************************************************************

3. É rubio, co pelo un pouco longo e de pel moi branca. Ten os ollos marróns e utiliza gafas. A súa estatura é normal e non está nin moi fraco nin moi gordo. É moi alegre e non é nada tímido coa xente nova.
Gústanlle moito os deportes, tanto velos como practicalos, en especial o tenis e o skate. Aínda que tamén lle gusta moito a música, en especial o rap, e saír cos amigos, ir ao cine ou patinar.

**************************************************************

4. É un rapaz co pelo loiro por diante e negro por detrás e a faciana chea de grans pola idade. Ten ollos marróns e cellas escuras e espesas e nos dentes leva un aparato corrector.É delgado e a súa estatura ronda o metro setenta.
É un rapaz gracioso, aínda que ás veces resulta pesado. Os seus gustos son o futbolín e a guitarra, aínda que a toca de pena.

*************************************************************

5. O meu compañeiro é unha persoa sinxela, cunha cara que reflicte felicidade, sinxeleza e afectividade. Ten unha estatura media baixa e o pelo curto e escuro, proporcional ao seu volume de cabeza. Os seus ollos azuis reflciten a súa forma de ser.
Respecto á súa personalidade é unha boa persoa e bo compañeiro, e iso pódese observar na súa mirada. A súa mirada carismática e humilde é capaz de superar calquera obstáculo ou dificultade que se lle poña por diante na súa vida.

*************************************************************

6. É unha nena alta e delgada. Ten a pel branca, os ollos grandes e o pelo rizo. A súa cara é miúda e o seu nariz pequeno. Viste roupa cinguida e moderna, de cores escuros e ás veces leva tacóns.
Gústalle moito saír coas amigas, ir de compras, as películas de amor e os animais.
É amable, agarimosa, alegre e moi boa persoa.

*************************************************************

7. O rapaz que vou describir é moi alto, ten o pelo negro e os ollos escuros. Ademais ten barba e un lunar na cara.
Tocante á súa personalidade é xeneroso e un pouco despistado, pero tamén moi listo, e sempre aproba.
Gústanlle moito os deportes, sobre todo o fútbol, aínda que el xogue ao tenis.

**************************************************************

8. Ten os ollos pequenos coma canicas, que parecen máis grandes a través das súas gafas. O seu pelo é rizado e ondulado pero moi curto e pegado á fronte. A súa cabeza tamén é bastante pequena ao igual que a súa estatura.
É unha persoa á que lle gusta a diversión a todas horas, ata na clase onde non para de falar. Non se soe enfadar con ninguén, tamén porque ninguén lle fai mal ningún. Cando estou con el fai moitas bromas e gústalle que todos o escoiten só a el. Tamén é moi despreocupado para facer as cousas, posto que moitas veces non leva os deberes feitos ou se esquece de traerme as cousas que lle pido.
De todos xeitos este rapaz cáeme ben e estou agradecido de que sexa o meu amigo.


**************************************************************

9. É un neno intelixente á vez que vacilón e bromista. Ás veces co seu humor pode ofender a alguén xa que non sabe parar, pero non o fai con malicia.
É bastante alto para a súa idade, un pouco gordiño e moreno.
É un bo rapaz, aínda que algunha xente non comprenda as súas bromas e isto derive nalgún conflito.
O seu humor enxeñoso é o que máis caracteriza a súa personalidade.

***********************************************************************

10. Esta persoa que vou describir é un rapaz de quince anos, de mediana estatura e un pouco regordiño, xa con toda a barba. Ten o pelo máis ou menos longo e os ollos castaños.
É unha persoa á que lle gusta vestir con roupa ancha e cómoda e adora facer deporte.
Non hai moito tempo que o coñezo, pero sempre está a sorrir e a facer bromas e chistes cos demais para que todos o pasemos ben.
Aínda que non lle gusta moito estudar cando o hai que facer, faino
En definitiva, unha boa persoa e un bo amigo.

**********************************************************************

11. É unha rapaza de pel moi morena, baixiña e delgada. Ten o pelo longo e escuro, con mechas de cor caoba. Antes levaba floco de lado ou ía sen el, agora púxoo recto. Ten os olos castaños e moi poucas veces os pinta.
Adoita levar pantalóns anchos, sudadeiras e tenis, aínda que ás veces tamén leva outra roupa.
Ten moito carácter, pero é moi boa rapaza, ás veces demasiado.

**********************************************************************

12. A miña compañeira ten o cabelo castaño igual que os ollos, un pouco longo e liso. É bastante miúda e alta e soe vestir con roupa informal, normalmente sudadeiras e vaqueiros.
Non para queda, é un bule-bule, sempre a probar cousas novas. O que máis lle gusta é falar e falar, sempre está falando. Encántanlle os animais, en especial os cans, dos que sabe moitas cousas
O que máis detesta das comidas é a cebola, que di que sabe moi mal.
Case sempre se está rindo e tarda un século en facer as cousas, aínda que ela sempre di que non é para tanto.


ENTRADE EN COMENTARIOS E INDICADE O NÚMERO DO RETRATO QUE MÁIS VOS GUSTA

20/6/09

AS TICS NA AULA

Extraordinaria recollida de TICS para utilizar cos alumnos.

1/6/09

O canon da traxedia grega

O EDIPO REI de SÓFOCLES
Atopándose xa Edipo no trono de Tebas tras libra-lo reino da esfinxe mediante a resolución desa famosa adiviña («Que ser provisto de voz é de catro patas, de dúas e de tres?» segundo a sinxela formulación de Apolodoro), e casado con Iocasta como premio, o oráculo impón a necesidade de impartir xustiza sobre un crime cometido hai tiempo: a morte do rei tebano Laio, anterior esposo de Iocasta. Como monarca, corresponde a Edipo resolve-lo misterio que envolve o asasinato. Para isto recorre ó adiviño Tiresias, quen se nega a lle revelar a verdade dos feitos, pero que remata por sinalar como culpable a Edipo con palabras encubertas cando éste, sumido no desacougo de non achar ningunha resposta diáfana, deshónrao ó calificalo de falso mediador entre o futuro e o presente.Cunha grosa venda sobre os seus ollos e sen un caxato co que dar paus de cego, comeza torpemente as súas investigacións apuntando co dedo acusador a Creonte, irmán da súa muller, como instigador dunha conspiración contra el. Dende este momento, una sorte de casualidades enlazadas coa súbita aparición de personaxes clave significará a apertura dun vieiro en liña recta polo que Edipo camiñará sen mirar cara a atrás, aumentando a velocidade a medida que contemple a proximidade dunha amarga clausura, do muro contra o que finalmente se estrelará. A verdade alumeará a face de Edipo abrasando as súas pálpebras como o máis potente dos focos policiais, afundíndoo nunha abafante desesperación, na que a duras penas poderá eleva-la voz para esixir penitencia. Penitencia polos pecaminosos actos que a ánima corrupta dun parricida con gusto polo incesto cometera.

O Edipo Rei de Sófocles conságrase como particular proxenitor da novela policíaca que hoxe coñecemos. A través dunha estrutura construída coa precisión do mecanismo dun reloxo, o lector é propulsado a medida que a obra avanza ata verse a sí mesmo a varios metros por enriba das páxinas, contemplando unha panorámica de tea de araña e seguindo con repentina lucidez os fíos que unen o destino de cada un dos personaxes. Tanto a traxedia grega como o mito do que esta parte enuncian a impotencia de home, sexa cal sexa a súa orixe, o seu nome ou o seu título, para saír triunfante dunha lide corpo a corpo co fatum, tecido por un xurado de deuses impasibles e inmisericordes, contra os que toda estrataxema, por moi ben urdida que poida estar, cae en saco roto. O destino fatal e inamobible dos monicreques desta historia finca neles os seus escuros ollos e perségueos en sepulcral silencio, contando os segundos que restan para apretar-la corda ó redor dos seus pescozos. As férreas fauces da fatalidade.

Carla Novoa de Jesús (2º de Bacharelato)