20/6/09

AS TICS NA AULA

Extraordinaria recollida de TICS para utilizar cos alumnos.

1/6/09

O canon da traxedia grega

O EDIPO REI de SÓFOCLES
Atopándose xa Edipo no trono de Tebas tras libra-lo reino da esfinxe mediante a resolución desa famosa adiviña («Que ser provisto de voz é de catro patas, de dúas e de tres?» segundo a sinxela formulación de Apolodoro), e casado con Iocasta como premio, o oráculo impón a necesidade de impartir xustiza sobre un crime cometido hai tiempo: a morte do rei tebano Laio, anterior esposo de Iocasta. Como monarca, corresponde a Edipo resolve-lo misterio que envolve o asasinato. Para isto recorre ó adiviño Tiresias, quen se nega a lle revelar a verdade dos feitos, pero que remata por sinalar como culpable a Edipo con palabras encubertas cando éste, sumido no desacougo de non achar ningunha resposta diáfana, deshónrao ó calificalo de falso mediador entre o futuro e o presente.Cunha grosa venda sobre os seus ollos e sen un caxato co que dar paus de cego, comeza torpemente as súas investigacións apuntando co dedo acusador a Creonte, irmán da súa muller, como instigador dunha conspiración contra el. Dende este momento, una sorte de casualidades enlazadas coa súbita aparición de personaxes clave significará a apertura dun vieiro en liña recta polo que Edipo camiñará sen mirar cara a atrás, aumentando a velocidade a medida que contemple a proximidade dunha amarga clausura, do muro contra o que finalmente se estrelará. A verdade alumeará a face de Edipo abrasando as súas pálpebras como o máis potente dos focos policiais, afundíndoo nunha abafante desesperación, na que a duras penas poderá eleva-la voz para esixir penitencia. Penitencia polos pecaminosos actos que a ánima corrupta dun parricida con gusto polo incesto cometera.

O Edipo Rei de Sófocles conságrase como particular proxenitor da novela policíaca que hoxe coñecemos. A través dunha estrutura construída coa precisión do mecanismo dun reloxo, o lector é propulsado a medida que a obra avanza ata verse a sí mesmo a varios metros por enriba das páxinas, contemplando unha panorámica de tea de araña e seguindo con repentina lucidez os fíos que unen o destino de cada un dos personaxes. Tanto a traxedia grega como o mito do que esta parte enuncian a impotencia de home, sexa cal sexa a súa orixe, o seu nome ou o seu título, para saír triunfante dunha lide corpo a corpo co fatum, tecido por un xurado de deuses impasibles e inmisericordes, contra os que toda estrataxema, por moi ben urdida que poida estar, cae en saco roto. O destino fatal e inamobible dos monicreques desta historia finca neles os seus escuros ollos e perségueos en sepulcral silencio, contando os segundos que restan para apretar-la corda ó redor dos seus pescozos. As férreas fauces da fatalidade.

Carla Novoa de Jesús (2º de Bacharelato)