23/1/09

VIAXE A GRECIA

O Departamento de Grego ven organizando desde o mes de novembro unha viaxe a Grecia que terá lugar na semana de Entroido, concretamente do 21 ao 28 de febreiro. Serán oito días nos que un grupo de alumnos de bacharelato, acompañados por dúas profesoras, visitaremos na rexión da Ática a cidade de Atenas e o cabo Sunion-no punto onde remata a Península da Ática-. Serán catro días moi intensos con visitas a:
  1. Acrópolis -recinto sagrado onde habitaba a deusa Atenea protectora dos atenienses-, e o seu museo .
  2. Olimpeion -templo de Zeus Olímpico erixido fora da rocha sagrada, en pleno centro da Atenas moderna-.
  3. Ágora -chaira aos pés da Acrópolis, auténtico corazón da vida pública ateniense-, e o seu museo.
  4. Museo Arqueolóxico Nacional, lugar onde poderemos ver moitas das marabillas da arte grega antiga: estatuiñas cicládicas, murais cretenses, vasillas e máscaras de ouro micénicas, cerámica e escultura arcaica, clásica e helenísitica.
  5. Atenas moderna: o Parlamento e o cambio de garda, o barrio de Plaka, o Estadio Olímpico, as igrexas bizantinas, os magníficos edificios neoclásicos, etc.

O quinto día cruzaremos o canal de Corinto e emprenderemos un periplo de tres días que nos levará ao Peloponeso a ver os recintos arqueolóxicos de Micenas, Epidauro e Olimpia. Por último, atravesando o golfo de Corinto pola ponte máis longa de Europa (2004), chegaremos a Delfos a consultar o oráculo de Apolo.