3/5/09

TEMAS 2º BACHARELATO

O século V a. C.
Estes esquemas da historia de Grecia no s. V a. C. poden ser de utilidade para repasar algúns temas culturais de 2º da Bach. de cara á Selectividade.
A comedia grega: [resumo]
O teatro en Grecia xurdiu na 2ª metade do s. VI a.C., no momento no que a poesía lírica comezaba a decaer (malia o exemplo de Píndaro no s. V), e mantívose como xénero dominante até o comezo da etapa helenística, cando épica, lírica e teatro empezaron a cultivarse de forma diferente e simultánea.

A comedia (κωμῳδία, como xa nos di Aristóteles na súa Poética) é un dos tres xéneros teatrais, xunto á traxedia e ao drama satírico, todos eles escritos en verso. Desenvolvía temas da vida cotiá tratados con risa, burla e humor: a trama consistía nun problema que o heroe cómico acababa solucionando, acadando un final feliz que, xeralmente, se conseguía por medio de elementos sobrenaturais e fantásticos. A linguaxe e o estilo estaban acordes coas clases sociais representadas polas personaxes, e a miúdo incluían xiros propios da linguaxe popular.
Distínguense dúas etapas
  1. A comedia antiga, con ARISTÓFANES como máximo representante, criticaba a situación política derivada da Guerra do Peloponeso.
  2. A comedia nova, na que destaca MENANDRO, trataba temas costumistas e moralizantes e tiña como finalidade a evasión da realidade.

Ao igual que a traxedia, este xénero teatral estaba relacionado co culto ao deus Dioniso e representábase no seu teatro. O elenco constaba de 2 ou 3 actores que interpretaban todas as personaxes valéndose de máscaras e vestidos, e un coro dirixido polo corifeo. Co verso combinábase a música e a danza.

O Edipo Rei : [comentario]
Atopándose xa Edipo no trono de Tebas tras libra-lo reino da esfinxe mediante a resolución desa famosa adiviña («Que ser provisto de voz é de catro patas, de dúas e de tres?» segundo a sinxela formulación de Apolodoro), e casado con Iocasta como premio, o oráculo impón a necesidade de impartir xustiza sobre un crime cometido hai tiempo: a morte do rei tebano Laio, anterior esposo de Iocasta. Como monarca, corresponde a Edipo resolve-lo misterio que envolve o asasinato. Para isto recorre ó adiviño Tiresias, quen se nega a lle revelar a verdade dos feitos, pero que remata por sinalar como culpable a Edipo con palabras encubertas cando éste, sumido no desacougo de non achar ningunha resposta diáfana, deshónrao ó calificalo de falso mediador entre o futuro e o presente. Cunha grosa venda sobre os seus ollos e sen un caxato co que dar paus de cego, Edipo comeza torpemente as súas investigacións apuntando co dedo acusador a Creonte, irmán da súa muller, como instigador dunha conspiración contra el. Dende este momento, una sorte de casualidades enlazadas coa súbita aparición de personaxes clave significará a apertura dun vieiro en liña recta polo que Edipo camiñará sen mirar cara a atrás, aumentando a velocidade a medida que contemple a proximidade dunha amarga clausura, do muro contra o que finalmente se estrelará. A verdade alumeará a face de Edipo abrasando as súas pálpebras como o máis potente dos focos policiais, afundíndoo nunha abafante desesperación, na que a duras penas poderá eleva-la voz para esixir penitencia. Penitencia polos pecaminosos actos que a ánima corrupta dun parricida con gusto polo incesto cometera.

O Edipo Rei de Sófocles conságrase como particular proxenitor da novela policíaca que hoxe coñecemos. A través dunha estrutura construída coa precisión do mecanismo dun reloxo, o lector é propulsado a medida que a obra avanza ata verse a sí mesmo a varios metros por enriba das páxinas, contemplando unha panorámica de tea de araña e seguindo con repentina lucidez os fíos que unen o destino de cada un dos personaxes. Tanto a traxedia grega como o mito do que ésta parte enuncian a impotencia de home, sexa cal sexa a súa orixe, o seu nome ou o seu título, para saír triunfante dunha lide corpo a corpo co fatum, tecido por un xurado de deuses impasibles e inmisericordes, contra os que toda estrataxema, por moi ben urdida que poida estar, cae en saco roto. O destino fatal e inamobible dos monicreques desta historia finca neles os seus escuros ollos e perségueos en sepulcral silencio, contando os segundos que restan para apretar-la corda ó redor dos seus pescozos. As férreas fauces da fatalidade.
Carla Novoa de Jesús (2º de Bacharelato)

No hay comentarios:

Publicar un comentario